Oleiros abre o prazo para participar na XII edición do certame literario 'Descubrindo Oleiros'

O Concello de Oleiros vén de abrir o prazo de presentación de relatos para a XII edición do certame literario 'Descubrindo Oleiros', unha iniciativa xa consolidada que promove a creación literaria en lingua galega e o coñecemento do municipio a través da escrita.
O concurso está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística e chega este ano á súa duodécima edición, converténdose nunha das citas culturais máis veteranas do calendario municipal. Poderán participar rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, alumnado de ESO, mozas e mozos de 16 e 17 anos e persoas maiores de 18 anos que estean empadroadas ou escolarizadas en Oleiros.
O certame establece seis categorías, segundo a idade das persoas participantes: alumnado de 3º e 4º de Primaria; de 5º e 6º de Primaria; de 1º e 2º de ESO; de 3º e 4º de ESO; mozas e mozos de 16 e 17 anos; e persoas adultas maiores de 18 anos.
Os relatos deberán estar ambientados necesariamente en Oleiros, escritos en lingua galega e ser completamente inéditos, sen ter sido premiados nin presentados a outros concursos pendentes de resolución. O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o 19 de xaneiro de 2026.
No caso das categorías de alumnado e mocidade (da 1 á 5), as obras poderán entregarse nos propios centros de ensino ou no rexistro de entrada do edificio A Fábrica, situado na rúa do Inglés número 13, en Perillo, dirixidas ao Servizo de Normalización Lingüística. As persoas que participen na categoría de adultos deberán presentar os relatos obrigatoriamente neste rexistro.
As bases completas do certame poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia número 242, publicado o 18 de decembro, así como na páxina web oficial do BOP da Deputación da Coruña. Desde o Concello animan á cidadanía a participar neste concurso para descubrir e poñer en valor, a través da literatura, o Oleiros máis singular.