Oleiros abre o prazo para o CampaNadal 2025 na Finca Tenreiro

O Concello de Oleiros vén de anunciar unha nova edición do programa 'CampaNadal 2025', uns campamentos de Nadal dirixidos a nenos e nenas nados entre xaneiro de 2014 e decembro de 2022, é dicir, de entre 3 e 11 anos. A actividade está pensada para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar nestas datas, ao tempo que se fomentan hábitos de vida saudable, habilidades artísticas e valores de convivencia.
O campamento desenvolverase no Albergue Municipal da Finca Tenreiro, en Nós, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Establécense dúas quendas de tres días: a primeira os días 22, 23 e 24 de decembro e a segunda os días 29, 30 e 31 de decembro. O programa está destinado ao alumnado de Educación Infantil e Primaria.
O prezo da actividade está fixado en 19 euros. Durante as xornadas, as crianzas participarán en obradoiros ao aire libre, actividades en contacto coa natureza, horta ecolóxica, itinerarios, xogos tradicionais e grandes xogos de animación, todo desde unha perspectiva lúdica e educativa.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto desde o luns 24 de novembro ata o 2 de decembro, a través dun formulario dispoñible na web municipal. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas en cada grupo, realizarase un sorteo público o 4 de decembro na Fábrica, ás 11.30 horas, no que terán preferencia as nenas e nenos empadroados no concello.
As persoas que resulten admitidas deberán formalizar a inscrición entre o 9 e o 15 de decembro, acudindo á Fábrica para cubrir a ficha correspondente e achegar o xustificante de pagamento. Ademais, o Concello convocará unha reunión informativa o 18 de decembro, ás 20.15 horas, no Auditorio da Fábrica en Santa Cristina, na que se explicarán todos os detalles da actividade ás familias participantes.