Oleiros abre hoxe, xoves 5, as inscricións para o concurso de disfraces do Entroido

O Concello de Oleiros abrirá este xoves 5 de febreiro o prazo para anotarse no tradicional concurso de disfraces do Entroido, unha cita que se desenvolverá o venres 20 de febreiro no pavillón municipal Arsenio Iglesias, en Santa Cruz. A festa comezará ás 18.00 horas e contará coa actuación da orquestra Os Satélites, ademais do desfile e a entrega de premios do certame.
O concurso establece dúas categorías, 'individual-parellas' (1 ou 2 persoas) e 'grupos' (de 3 a 25), cunha dotación total de 5.200 euros. Na modalidade de grupos repártense un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 euros, dous terceiros de 500 euros e un accésit de 400 euros. En individual-parellas haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 euros, dous terceiros de 200 euros e dous accésit de 100 euros.
As inscricións poderán presentarse ata o 18 de febreiro ás 14.00 horas, tanto a través da Sede Electrónica Municipal como de forma presencial no Rexistro do edificio A Fábrica (Rúa do Inglés, 13, Perillo). O desfile sairá ao escenario ás 19.00 horas e a orde de participación virá marcada polo dorsal asignado segundo a orde de rexistro.
As bases tamén recollen requisitos de idade e normas para os disfraces: na modalidade individual poderán participar maiores de 18 anos e tamén persoas de 16 con autorización, mentres que en grupos a persoa representante debe ter, cando menos, 18 anos. Ademais, prohíbense carrozas, vehículos ou estruturas motorizadas e fíxanse límites de tamaño, e a organización resérvase a posibilidade de excluír propostas que resulten vexatorias ou discriminatorias.