Oleiros abre hoxe as inscricións para as escolas municipais de golf e de surf
Este mércores día 3 de xullo abre o prazo de inscrición para apuntarse ás Escolas Municipais de Golf e de Surf. Na primeira, ofértanse 64 prazas para rapaces e rapazas de Oleiros de entre 10 e 17 anos. Na de surf ofértanse 72 prazas para rapaces e rapazas entre 12 e 20 anos.
Todas aquelas persoas interesadas en apuntar os seus fillos e fillas nalgunha destas escolas, deberán facelo a través da Sede Electrónica do Concello. Tamén é posible dirixirse persoalmente á Fábrica.
Esta escola deportiva ten por obxectivo iniciar no deporte do golf ao tempo que se inculcan valores propios da disciplina, en particular e do deporte, en xeral. O Concello de Oleiros achegará todo o material necesario para a actividade, que terá un custo mensual de entre 17 e 8 euros, en función do número de sesións semanais. As clases desenvolveranse entre outubro de 2024 e xuño de 2025.
O Concello de Oleiros ten interese en divulgar e dar a coñecer a práctica do golf entre a poboación en idade escolar do municipio. Para iso, e grazas a un convenio de colaboración entre o propio Concello de Oleiros e as sociedades que xestionan o campo de golf de Xaz, creouse a Escola Municipal de Golf.
No caso da escola de surf, fronte a problemática sanitaria e social derivada dos altos índices de obesidade infantil e xuvenil, o sedentarismo e as dificultades que ás veces atopan os mozos e mozas para practicar deportes de xeito regular, o Concello porá en marcha un novo curso desta escola deportiva que se desenvolverá entre outubro deste ano e maio de 2025. Terá un custo mensual de 15 euros e o Concello achegará a táboa, o traxe de neopreno e unha licra para a actividade.