Oleiros abre a carreira cara ao seu tríatlon máis consolidado


Oleiros puxo en marcha a conta atrás para unha das súas citas deportivas máis recoñecibles. O Concello abriu este martes 7 de abril o prazo de inscrición para participar no XXXVI Tríatlon Concello de Oleiros, unha proba que volverá reunir en Mera a deportistas federados e a afeccionados que tramiten licenza dun día. O prazo permanecerá aberto ata o luns 27 de abril ás 23.59 horas.
A competición disputarase o sábado 9 de maio, a partir das 16.00 horas, e manterá o formato sprint para todas as categorías, con 750 metros de natación, 21 quilómetros de bicicleta e 5,5 quilómetros de carreira a pé. A saída, os boxes e a meta estarán situados no parque da Lagoa de Mera, detrás da praia, un escenario xa clásico nun evento que chega á súa trixésimo sexta edición e que confirma o peso desta disciplina no calendario deportivo local.
O regulamento fixa un máximo de 230 participantes e establece unha reserva inicial de prazas para triatletas xuvenís, júnior e mulleres ata o 17 de abril ás 14.00 horas. A inscrición custa 15 euros e, no caso das persoas non federadas, deberán tramitar tamén a licenza temporal dun día a través da Federación Galega de Tríatlon, aínda que ese importe será subvencionado polo Concello. A organización entregará ademais premios ás primeiras persoas clasificadas da xeral e medallas nas distintas categorías.