Oito menores, sorprendidos tras acceder aos muíños de Acea de Ama para facer pintadas

A Policía Local de Culleredo identificou a oito menores de idade como presuntos autores de varias pintadas no interior dos muíños de Acea de Ama, nunha intervención realizada o pasado luns pola tarde dentro da campaña de control e vixilancia dos bens patrimoniais municipais.
Segundo informou a Alcaldía, os axentes sorprenderon nun primeiro momento a catro mozos no interior do inmoble, cuxa entrada presentaba signos de ter sido forzada. No lugar atoparon sprays de pintura, rotuladores permanentes, tabaco, dispositivos para vapear e bebidas alcohólicas de alta graduación. Durante a actuación chegaron outros catro menores máis, un deles cunha mochila con varios botes de pintura.
A Policía Local identificou aos oito mozos e avisou ás súas familias ou representantes legais. As actuacións foron remitidas á Garda Civil para a súa tramitación e posible traslado á Fiscalía de Menores. O Concello pediu tamén a colaboración da cidadanía e reclamou ás comunidades de propietarios que denuncien as pintadas que sufran nos seus edificios para facilitar a investigación destes actos vandálicos.