Obras de reforzo do firme na AC-151 en Aranga e Irixoa por máis de 840.000 euros

ACoruñaXa
Intervención en case 11 km con regularización de zonas deterioradas, fresados e nova capa de aglomerado
ARANGA melloras rua
16 Oct 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas executa o reforzo do firme na estrada AC-151 ao seu paso por Aranga e Irixoa cun investimento superior aos 840.000 euros —case 349.000 euros en Aranga e 491.000 euros en Irixoa— para mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria nun tramo de preto de 11 quilómetros.

Os traballos consisten na regularización das zonas con maior desgaste, especialmente rodeiras, mediante unha nova capa de asfaltado de 5 cm. Nos treitos con numerosos accesos, aparcadoiros e bordos, prevese un fresado de 2 cm e posterior estendido de 5 cm a ancho de carril completo. Nas áreas con patoloxías máis severas —afundimentos, fisuras ou rodeiras profundas— realizarase un fresado de 5 cm e novo aglomerado de 5 cm. Fóra de contorno urbano completarase a intervención cunha capa de microaglomerado en frío para homoxeneizar a rasante.

A actuación forma parte dun contrato máis amplo, con prazo de execución de 4 meses, que abrangue tamén outras estradas autonómicas na provincia (AC-862, AC-100 e AC-102) cun investimento total de máis de 3,5 millóns de euros e beneficio para máis de 23.000 habitantes de 7 concellos. Todas as obras desenvólvense dentro da franxa de dominio público, polo que non implican expropiacións.

⚙ Configurar cookies
0.077991008758545