Obradoiro en Ronda de Outeiro para axudar ás familias a falar de sexualidade coas crianzas

A Asociación de Veciñas e Veciños Francisco Rodríguez Otero acollerá o vindeiro xoves 20 de novembro un obradoiro formativo baixo o título 'Preguntas incómodas? Como acompañar a sexualidade das crianzas?', dirixido a familias que desexen mellorar as súas ferramentas para responder ás dúbidas dos nenos e nenas arredor da afectividade e a sexualidade. A sesión terá lugar ás 18.00 horas no local da AVV, situado na Ronda de Outeiro 396 (semisoto), e será necesaria a inscrición previa.
Segundo recollen as entidades organizadoras, o obradoiro pretende ofrecer estratexias e recursos para acompañar a sexualidade infantil desde o respecto, o bo trato e a educación en igualdade. A idea é abordar esas preguntas que ás veces resultan incómodas no ámbito familiar, facilitando un espazo seguro no que compartir inquedanzas e traballar como ofrecer respostas adaptadas á idade das crianzas.
A actividade será impartida por Atalaias e está organizada pola Asociación de Veciñas e Veciños xunto con diferentes ANPA da cidade, contando coa colaboración do Concello da Coruña. Desde a organización animan ás familias a participar e lembran que toda a información sobre o proceso de inscrición pode consultarse a través da ligazón facilitada pola AVV nos seus canais habituais de comunicación.