O XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo consolidouse como unha gran festa do folclore galego

ACoruñaXa
Na edición deste ano participaron nove agrupacións e un total de 28 grupos de baile procedentes de distintos puntos da provincia
dia-da-muiñeira-arteixo
XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo
12 May 2025

O Campo da Festa de Arteixo acolleu este domingo, 11 de maio, a trixésimo sétima edición do Día da Muiñeira, unha cita xa emblemática no calendario cultural galego, organizada pola Asociación Xuvenil Xiradela. A xornada foi unha auténtica homenaxe ao folclore tradicional galego, coa participación de nove agrupacións e un total de 28 grupos de baile chegados de diferentes localidades da provincia.

Durante o evento, todos os grupos bailaron conxuntamente en tres ocasións a popular “Muiñeira dos Freires”, creando un espectáculo único que foi seguido por numeroso público que se achegou a desfrutar do ambiente festivo e do talento dos participantes.

A xornada tamén contou coa actuación da regueifeira Lupe Blanco, que puxo o broche final ao evento co seu arte improvisador, arrincando aplausos e sorrisos do público asistente.

As agrupacións participantes procedían de localidades como A Coruña, A Laracha, Malpica, Oleiros, Vimianzo, Miño, Carballo e o propio Arteixo. Estas foron as entidades que participaron no XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo:

  • Colexio Sagrado Corazón Franciscanas (A Coruña): Grupos A, B e C.
  • Asociación Cultural Xacarandaina (A Coruña): Xirimbao, Zoquiños, Folerpas, Arroladeiras e Rumboia.
  • A.C. Santa María de Torás (A Laracha): Canedos e Samiráns.
  • A.C.D. Carcaxía (Malpica): Grupo Pícaros.
  • A.C. Nemeth (Carballo): Miudiños, Papoulas, Xoaniñas, Churrusquiños e Farangullas.
  • A.C. A Marola de Mera (Oleiros): Medianas, Minis e A Marola.
  • A.C. Trubisquiña (Vimianzo): Tremedeira.
  • A.C.R.D. O Castro (Miño): Arines, Piocos e dous grupos de iniciación.
  • A.X. Xiradela (Arteixo): Bilitroques, Xiradeliñas, Xiradeliños e Arroutada.

Ao remate do acto, todas as agrupacións recibiron un agasallo conmemorativo pola súa participación, e repartíuselles unha merenda aos bailadores e bailadoras.

O evento contou coa presenza de María Dubra, concelleira de Cultura e Xuventude do Concello de Arteixo, e de Uxía Verdía, presidenta de Xiradela, que dirixiron unhas palabras de agradecemento e felicitación ao público asistente.

Sobre Xiradela

A Asociación Xuvenil Xiradela, con sede no concello de Arteixo, naceu no ano 1982 co obxectivo de recuperar e divulgar o folclore galego, fomentar o lecer entre a mocidade e promover a colaboración entre entidades culturais. A súa actividade comezou co ensino de baile tradicional, e máis tarde ampliouse a pandeireta, canto tradicional, gaita e percusión.

No ano 1984 creouse un grupo de investigación para a recollida e difusión de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes tradicionais, cun enfoque fiel á tradición galega.

Desde 1987, Xiradela organiza de forma ininterrompida o Día da Muiñeira, unha exhibición popular que se celebra cada mes de maio ou xuño nas rúas de Arteixo. Ademais, desde o ano 2000 celebra o Concurso de Música Tradicional, que neste 2025 acadou a súa 25ª edición, co obxectivo de fomentar a participación xuvenil e difundir a nosa cultura.

Este evento contou coa colaboración do Concello de Arteixo, Vegalsa – Eroski e Comercial Sánchez Vado S.L.

⚙ Configurar cookies
0.12936401367188