O xoves 6 de outubro abren as solicitudes para as Bolsas Norteamérica A Coruña 2026-2027

ACoruñaXa
O programa contra con 30 plazas destinadas ao alumnado dos centros coruñeses que cursa actualmente 4.º da ESO e cursarán 1.º de Bacharelato en Canadá
A CORUÑA aeroporto
4 Nov 2025

O Concello da Coruña abrirá este xoves 6 de novembro o prazo de solicitude das Bolsas Norteamérica 2026-27, unha convocatoria que ofrece 30 prazas dirixidas ao alumnado dos centros coruñeses que está a cursar este ano 4.º da ESO e que, grazas a estas axudas, poderá realizar o seu primeiro curso de Bacharelato en Canadá durante o ano académico 2026-27. Trátase dun programa pioneiro do Concello que se consolidou como unha das iniciativas educativas máis populares, ao favorecer a adquisición dun dominio avanzado de inglés e a inmersión na cultura e na sociedade do país de acollida. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, salientou a continuidade do compromiso do Goberno de Inés Rey con esta experiencia formativa, chamada a ofrecer á mocidade coruñesa oportunidades únicas no exterior.

As bases, xa dispoñibles na web municipal, establecen dous niveis de cobertura económica en función da situación familiar: as bolsas de cobertura total, destinadas ás rapazas e rapaces que acaden entre 7 e 10 puntos na valoración económica, e as bolsas de cobertura parcial, coas que o Concello asumirá entre o 65% e o 95% do custo da praza, garantindo en todo caso que as familias non teñan que achegar máis do 35%. A axuda inclúe a estadía en Canadá durante todo o curso, a tramitación e obtención do visado, as viaxes de ida e volta desde A Coruña á localidade de destino, a asistencia sanitaria e unha achega mensual de 120 euros para manutención; adicionalmente, para o alumnado con menos recursos prevese unha axuda complementaria de 400 euros, previa valoración dos servizos sociais municipais.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde o xoves 6 ata o martes 18 de novembro de 2025, ambos os días incluídos. As persoas interesadas deberán cubrir primeiro a ficha específica de inscrición na web de Educación e, a continuación, rexistrar a solicitude xunto coa documentación requirida nos rexistros oficiais do Concello. O programa mantén así a súa aposta por ofrecer itinerarios internacionais que reforzan tanto a formación académica como a experiencia vital do alumnado coruñés.

⚙ Configurar cookies
0.06984806060791