O ximnasio municipal de Carral trasládase ao pavillón do Espiño polo inicio das obras no Complexo Deportivo

ACoruñaXa
Dende hoxe, mércores 18 de febreiro, o servizo mantén os horarios habituais mentres dura a reforma interior, que reorganizará espazos, gañará superficie para as máquinas e porá ao día acabados e instalacións
CARRAL gimnasio
18 Feb 2026

O Concello de Carral retoma dende hoxe, mércores 18 de febreiro, a actividade do ximnasio municipal no Pavillón do Espiño, debido ao arranque das obras de transformación e ampliación do recinto deportivo principal. O cambio é provisional e manterase durante todo o tempo que se prolonguen os traballos.

O Complexo Deportivo permanece pechado dende o 13 de febreiro para facilitar o traslado de máquinas e o acondicionamento do pavillón, co obxectivo de minimizar as molestias ás persoas usuarias (máis de medio milleiro) e compatibilizar a execución da obra coa continuidade do servizo.

O horario no Espiño será o habitual, sen cambios: de luns a venres, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 23.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. No pavillón desenvolveranse tanto o uso libre do ximnasio como as actividades dirixidas, mentres que pilates se impartirá no Local Interxeracional, mantendo os mesmos horarios. A instalación conta con videovixilancia e as persoas usuarias dispoñerán de duchas, vestiarios, taquillas e do equipamento deportivo habitual.

A reforma prevista no Complexo Deportivo céntrase na reorganización interior e na modernización das salas. O proxecto contempla eliminar a separación entre a sala de actividades e a zona de máquinas para ampliar esta última, así como trasladar a sala de actividades ao espazo do antigo spa, en desuso dende hai anos. Tamén se habilitarán un cuarto auxiliar e un almacén, ademais de melloras en pavimentos, teitos, iluminación e novas instalacións de electricidade, telecomunicacións, ventilación e climatización. O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, resumiu o obxectivo como o de ‘poñer a punto e modernizar’ a instalación para gañar en espazo e comodidade.

⚙ Configurar cookies
0.093024969100952