O XI Trail Terras do Mandeo contará con probas para todas as idades o 24 de novembro

ACoruñaXa
O evento deportivo, organizado polo Club Atletismo Betanzos, ofrece tres modalidades de participación e percorre territorios da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas
Imaxe da presentación do Trail Terras do Mandeo
16 Out 2024

A XI edición do Trail Terras do Mandeo celebrarase o próximo 24 de novembro, cunha proposta que inclúe probas para todas as idades e niveis. Os participantes poderán escoller entre tres modalidades: un percorrido competitivo de 20 km, outro de 14 km que coincide co trazado da andaina non competitiva, e unha proba específica para os máis pequenos.

Na presentación do evento participaron o concelleiro de Deportes de Betanzos, Ricardo Cheda; o alcalde de Paderne, Sergio Platas; Josecho Roel, directivo do Club Atletismo Betanzos; e o concelleiro de Coirós, Francisco Manuel Crespo, xa que o trail transcorre por paisaxes que forman parte da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.

O Club Atletismo Betanzos organiza o evento, co apoio dos concellos de Betanzos, Coirós e Paderne. A recollida de dorsais terá lugar o propio día 24 na Praza do Constitución, a partir das 8:00 e ata unha hora antes do inicio das probas. Cada participante deberá presentar o seu DNI para recoller o dorsal, que non se entregará a terceiras persoas.

A organización establece que o prazo para cancelar a inscrición finaliza o 4 de novembro, con penalización de 4 euros sobre o importe pagado. Ademais, resérvase o dereito de impedir a inscrición a persoas que non estean fisicamente capacitadas ou cuxa participación poida ser prexudicial para o desenvolvemento da proba ou do entorno.

Para garantir a comodidade dos deportistas, o Concello de Betanzos ofrecerá un servizo de duchas no CEIP Francisco Vales Villamarín, no Carregal. As inscricións poden realizarse a través do seguinte enlace.

0.058280944824219