O xerente do Sergas denuncia o incumprimento do Concello da Coruña co convenio do COF de Orillamar

ACoruñaXa
José Ramón Parada resaltou que a Consellería de Sanidade “está a cumprir e a garantir o funcionamento do Centro de Orientación Familiar”
sergas-cof-orillamar
26 Jun 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, destacou no Parlamento de Galicia a calidade da atención que ofrece o Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, que garante a saúde sexual e reprodutiva de todas as mulleres da área sanitaria da Coruña e Cee.

No transcurso da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, Parada puxo en valor a ampliación e actualización dos servizos que a Xunta implantou nos últimos anos na carteira vinculada á saúde sexual e reprodutiva. Subliñou que actualmente “contamos con novas prestacións, con novas técnicas e tratamentos”, que se ofrecen “dunha forma integral e integrada” dentro da rede sanitaria pública galega.

O xerente informou que “todos os días hai unha ou dúas axendas coas xinecólogas no COF e ábrense máis se a presión asistencial así o require”. Durante o último ano, o Centro rexistrou un total de 6.684 asistencias. A organización e planificación das axendas dos profesionais modúlase en función da demanda asistencial co obxectivo de ofrecer “un modelo asistencial máis moderno, de maior calidade e máis eficiente”.

Para os casos máis complexos, os servizos de Xinecoloxía e Obstetricia da área sanitaria dispoñen de seis facultativos especializados en saúde sexual e un equipo integrado por 40 especialistas.

Parada tamén denunciou o incumprimento das responsabilidades asumidas polo Concello da Coruña no convenio subscrito coa Xunta, ao tempo que resaltou que a Consellería de Sanidade “está a cumprir e a garantir o funcionamento do Centro de Orientación Familiar de Orillamar”. Asegurou que a Xunta “garante a cobertura de todas as necesidades asistenciais das mulleres da área sanitaria da Coruña e Cee” e que a sanidade pública galega “conta cos profesionais mellor preparados e unha carteira de servizos que se foi adaptando ao longo dos anos ás necesidades sanitarias”.

“Insistiu en que a Xunta non só está a asumir os seus compromisos con este dispositivo, senón tamén os que lle corresponderían ao Concello en función do convenio vixente”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1619131565094