O Xardín Botánico Ría do Burgo acollerá o XLVIII Concurso-Exposición Ornitolóxico da Sociedade Coruñesa de Canaricultura


O Aula da Natureza do Xardín Botánico Ría do Burgo converterase, entre o 15 e o 21 de decembro, no punto de encontro do XLVIII Concurso-Exposición Ornitolóxico organizado pola Sociedade Coruñesa de Canaricultura coa colaboración do Concello de Culleredo. A exhibición, de acceso libre, reunirá centos de canarios de múltiples razas, cores e tamaños, ofrecendo ao público a oportunidade de achegarse á súa diversidade.
O horario de apertura será de luns a venres de 17.00 a 20.30 horas; o sábado 20, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 horas; e o domingo 21, de 10.00 a 12.00 horas. Ese mesmo día, a partir das 12.00 horas, terá lugar a entrega de trofeos e a clausura. A recepción dos exemplares participantes está prevista para o venres 12 de decembro.
O certame contará con competicións nas categorías de Color, Postura, Híbridos, Exóticos anillados, Fauna Europea anillada, Periquitos, Agapornis e Psitácidos. Repartiranse tres galardóns principais (diploma, trofeo e escarapela) e distintos agasallos para todas as persoas criadoras inscritas. Entre os recoñecementos especiais destaca o Trofeo 'Juan Lembeye Lartaud', que distinguirá ao criador máis premiado co título de Campión Galego. Ademais, celebrarase unha liguiña entre criadores, na que os cinco mellores obterán lotes de produtos para a cría. Durante os días de exposición tamén se realizarán sorteos entre o público. As inscricións abriranse nas vindeiras datas.
Paralelamente, está en marcha o prazo de participación no XXIV Concurso de Debuxo Infantil, unha iniciativa impulsada pola mesma entidade en colaboración co Concello de Culleredo. O obxectivo é fomentar o respecto polas aves e o medio natural entre os nenos e nenas da comarca. O alumnado participante, de entre 5 e 11 anos, distribuirase por grupos de idade, e os traballos valoraranse pola súa creatividade e relación coa temática proposta.
As obras permanecerán expostas no Xardín Botánico Ría do Burgo do 15 ao 20 de decembro. O xurado, formado por representantes municipais, membros do Comité Organizador e do equipo cualificador do concurso ornitolóxico, escollerá os gañadores de cada categoría. A entrega de premios desenvolverase o domingo 21 de decembro a partir das 12.30 horas.
Os debuxos deberán remitirse antes do 6 de decembro á Sociedade Coruñesa de Canaricultura ou ao Centro Municipal de Formación e Emprego Pablo Picasso, tanto a través dos centros educativos como de maneira individual.