O Xardín Botánico de O Burgo acolleu a presentación do proxecto ‘Punto en Boca’

ACoruñaXa
Unha iniciativa que busca achegar os oficios e traballos do mundo da costura á cidadanía a través do teatro
FOTO-3-CULLEREDO-‘Punto-en-Boca’
10 Feb 2025

O Xardín Botánico de O Burgo foi o espazo elixido para a presentación do proxecto de teatro e costura ‘Punto en Boca’, que durante este mes de febreiro levará unha decena de actividades gratuítas a diferentes puntos do Concello de Culleredo.

A presentación tivo lugar o sábado 8 de febreiro e correu a cargo de Raquel G. Crespo, responsable do proxecto, que quixo explicar en que consiste esta iniciativa e agradecer o apoio de todas as persoas e institucións implicadas nela, entre as que se atopa o propio Concello, que colabora no proxecto. A acto asistiron a concelleira de Cultura, Penélope López, xunto a varias decenas de veciños e veciñas interesados na proposta.

Ademais da posta de largo desta proposta, presentouse tamén unha instalación artística no propio Xardín Botánico, relacionada co mundo da costura. Esta instalación poderá visitarse ata o venres 21 de febreiro, en horario de 18.00 a 21.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

‘Punto en Boca’ é un proxecto coproducido polo Centro Dramático Galego e por Agadic, no que tamén colaboran o Concello de Culleredo e a compañía teatral El Ruiseñor. Trátase dunha iniciativa que busca achegar os oficios e traballos do mundo da costura á cidadanía a través do teatro. Esta proposta orixinal, que inclúe unha decena de actividades ao longo deste mes e a posterior representación dunha obra de teatro en xuño, foi distinguida en 2024 pola Deputación da Coruña cos premios Luísa Villalta para proxectos pola igualdade.

0.073395967483521