O Xardín Botánico de Culleredo acolle a estrea teatral de ‘Punto en boca: Entre fíos anda o lío’

ACoruñaXa
Tras a súa estrea en Culleredo, o espectáculo iniciará unha xira que o levará por outros 29 concellos galegos
cull
24 Jun 2025

O Xardín Botánico Ría do Burgo converterase este sábado, 28 de xuño, nun escenario teatral coa representación da obra ‘Punto en boca: Entre fíos anda o lío’. A función dará comezo ás 20.30 horas e contará con entrada libre ata completar aforo.

A peza marca o inicio do peche do proxecto ‘Punto en boca’, que ao longo dos meses de febreiro e marzo trouxo ao Concello de Culleredo unha decena de actividades e obradoiros arredor do mundo da costura.

Da man da súa creadora, Raquel G. Crespo —impulsora do proxecto—, a obra propón unha reflexión sobre o valor dos oficios vinculados á costura, utilizando o teatro como ferramenta para divulgar e reivindicar estas profesións.

A proposta conta coa coprodución do Concello de Culleredo, a compañía El Ruiseñor, o Centro Dramático Galego e Agadic. Ademais, foi recoñecida este ano cun dos Premios Luísa Villalta para proxectos pola igualdade, outorgados pola Deputación da Coruña.

Tras a súa estrea en Culleredo, o espectáculo iniciará unha xira que o levará por outros 29 concellos galegos durante os meses de verán, mantendo viva a súa mensaxe de recoñecemento ao labor tradicional e ao papel das mulleres no eido textil.

⚙ Configurar cookies
0.16971802711487