O voceiro do BNG na Coruña acusa de “chantaxe inaceptable” o adianto da folga do lixo ao 28 de xullo
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, considera o adiantamento da folga indefinida na recollida do lixo ao 28 de xullo como “unha chantaxe inaceptábel” e advirte que, se se cede ante ela, “os problemas volverán reproducirse no futuro, como xa aconteceu nos últimos anos”.
“Por iso demandamos do Goberno Local”, acrecenta, “que poña en práctica dunha vez por todas as medidas aprobadas, a instancias do BNG, no Pleno do pasado 4 de xullo”.
Así, Jorquera empraza o Executivo coruñés a que adopte “as medidas extraordinarias que sexan necesarias” de modo a “evitar que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.
“As coruñesas e os coruñeses non poden ser reféns”, argúe, “dos intereses espurios que se esconden neste conflito”, dixo en relación á trama do STL, unha organización investigada por graves delitos.
Alén das medidas extraordinarias, o texto asinado polo BNG -e que foi votado por unanimidade no Pleno do 4 de xullo- insta o Goberno Local a supervisar o cumprimento por parte da concesionaria das cláusulas que rexen a prestación do servizo e, eventualmente, a impor penalidades en caso de non se respectaren os termos do contrato.
Tamén se urxía o Executivo coruñés a que velase para que os criterios de contratación e de promoción interna do persoal sexan “equitativos e transparentes”, a que colaborase no proceso xudicial en curso e a que levase a termo unha investigación interna “co obxecto de evitar prácticas de control da contratación que vulneren os principios de equidade e transparencia”.
“É necesario actuar xa e facelo con firmeza”, remarca Jorquera, “se non queremos que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.