O Viñetas desde o Atlántico 2025 pecha con récord histórico e máis de 120.000 asistentes

ACoruñaXa
A cita coruñesa consolídase como referente internacional cun programa diverso que mesturou exposicións, sinaturas, concertos e obradoiros
A CORUÑA viñetas do atlantico
20 Aug 2025

O festival municipal Viñetas desde o Atlántico clausurou a súa 28ª edición cun éxito sen precedentes. Máis de 120.000 persoas participaron entre o 11 e o 17 de agosto nas diferentes propostas, desde exposicións repartidas pola cidade ata charlas, talleres, concertos e sinaturas de libros, algunhas delas con exemplares esgotados. A acollida confirma que a renovación impulsada polo Concello converte a cita nun dos grandes motores culturais da Coruña.

A Rúa da BD recibiu preto de 80.000 visitantes, mentres que as mostras espalladas pola cidade superaron os 40.000 asistentes. Entre as máis concorridas destacou a do Kiosco Alfonso, que con Viñetas e Decibelios superou os 15.000 visitantes en apenas 30 horas. Tamén tiveron gran éxito as exposicións en Palexco, dedicadas a Quino e a Fermín Solís, con especial seguimento por parte do público infantil e xuvenil.

O festival introduciu novidades como un photocall 3D no Palexco, polo que pasaron preto de 3.200 persoas para inmortalizarse con Mafalda e Astro Ratón. Ademais, as sinaturas oficiais con artistas de renome, entre eles Magius ou Dave Cooper, concentraron longas colas de afeccionados. Obras como Black Metal ou a biografía de Buenaventura Durruti esgotáronse nas librarías do evento.

No total, a edición reuniu máis de 70 autores e 21 exposicións, ademais de concertos ilustrados, un Late Night Show, 60 actividades paralelas e a presenza de 36 editoriais e librarías. “O Viñetas é un exemplo de modelo cultural participativo e de calidade, que fai da Coruña un referente nacional e internacional”, destacou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.

⚙ Configurar cookies
0.47827315330505