O VII Festival Folk de Sisalde anuncia o seu cartel completo para o 6 de setembro en Arteixo

O Festival Folk de Sisalde celebrará a súa sétima edición o sábado 6 de setembro nas beiras do río que lle dá nome, en Arteixo, cun cartel que promete unha xornada inesquecible de música tradicional, artesanía e natureza.
Nesta edición destacan como cabezas de cartel os escoceses Tannahill Weavers, formación icónica da música celta internacional, xunto a propostas galegas recoñecidas como Alana e Son de Seu. O festival tamén dará protagonismo a agrupacións e escolas da contorna como A.C. Triskell, A.X. Xiradela, Banda Os Rexumeiros de Elviña-Castro, Abelladeira do Bierzo, Os Viqueiras, Arnela e a Escola de Música Entresons.
A proposta mantén o seu carácter de romaría contemporánea: con espazo para o encontro interxeracional, obradoiros, postos de artesanía e gastronomía galega. Todo iso nun espazo natural que, segundo a organización, é parte fundamental da experiencia.