O VI Torneo Nacional Club Rítmica Milenium reunirá a 200 ximnastas este sábado no Palacio dos Deportes de Riazor
O vindeiro sábado 28 de setembro, o Palacio dos Deportes de Riazor será o escenario da sexta edición do Torneo Nacional Club Rítmica Milenium, que congregará preto de 200 ximnastas chegadas de diferentes puntos de España. Este evento, promovido polo Concello, reafirma o apoio ao deporte de base e á promoción de encontros deportivos de ámbito nacional na cidade.
As competicións arrancarán ás 9.30 horas e desenvolveranse en dúas quendas: a primeira estará dedicada ás probas por conxuntos de clubes, que se estenderán ata as 10.40 horas, mentres que a partir desa hora e ata as 14.00 horas terán lugar as probas individuais das categorías xuvenil, cadete, infantil, alevín e benxamín.
Un total de 27 clubs tomarán parte no evento, entre os que se atopan Acordes Narón, CDXR Compostela, CR Adagio, CX Porriño, Marusia e Rítmica Coruña, entre outros, representando un amplo abano de escolas e niveis de competición. Ao finalizar as probas, sobre as 14.00 horas, terá lugar a entrega de medallas para premiar ás ximnastas e conxuntos gañadores.
Este torneo forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Ximnasia e busca dar visibilidade á ximnasia rítmica, así como fomentar a participación de novos talentos deste deporte en constante crecemento.