O Ventorrillo dá a benvida ao Nadal cun concerto de panxoliñas e a inauguración da decoración do barrio

ACoruñaXa
A AVV do Ventorrillo organiza este venres un acto festivo diante do seu local, coa actuación do grupo Miña Xoia e unha sesión musical tras acender a iluminación
A CORUÑA ventorrillo decoración
12 Dec 2025

O barrio do Ventorrillo entra de cheo no Nadal cunha tarde festiva organizada pola súa Asociación Veciñal. A entidade convidou a toda a veciñanza a achegarse este venres ao seu local social para participar na inauguración oficial da decoración de Nadal, nun acto que combinará música, encontro e ambiente familiar.

A programación arrancará arredor das 19.00 horas cun concerto de panxoliñas a cargo do grupo Miña Xoia, que interpretará cantos tradicionais de Nadal diante do local da asociación. A actuación servirá como preludio ao momento central da xornada, a posta de longo da decoración preparada nas últimas semanas polas persoas voluntarias do barrio.

Sobre as 19.45 horas procederase á inauguración da ambientación de Nadal do local veciñal, con adornos e motivos festivos que xa se teñen convertido nun referente destas datas no Ventorrillo. A velada rematará cunha pequena sesión musical, pensada para que as persoas asistentes poidan continuar compartindo tempo de conversa e celebración.

Desde a Asociación Veciñal fan un chamamento a participar e a encher de vida o espazo común, convidando a 'dar a benvida ao Nadal no Ventorrillo' e a seguir reforzando os lazos de convivencia no barrio.

⚙ Configurar cookies
0.080077171325684