O vento ‘decapita’ o toro de Osborne de Coirós e a empresa anuncia a súa reparación tras o Nadal

O temporal de vento do xoves 18 de decembro deixou unha imaxe tan chamativa como inesperada na comarca de Betanzos: o coñecido toro de Osborne situado no municipio de Coirós apareceu sen a súa parte superior, completamente danada pola forza das rachas. O icono, unha das siluetas máis recoñecibles do país, quedou ‘decapitado’ tras unha xornada na que se rexistraron golpes de vento que, nalgúns puntos da provincia, superaron os 80 kilómetros por hora.
A estrutura atópase na contorna da vella N-VI, nunha zona limítrofe entre Coirós e Aranga, preto da Costa do Sal, e é o único toro de Osborne instalado na provincia da Coruña.
Segundo a información trasladada pola compañía, Osborne prevé arranxar a peza nas próximas semanas, unha vez pasadas as festas do Nadal. O episodio do toro foi unha das incidencias máis visibles dun día con múltiples avisos por caídas de árbores e elementos desprazados polo vento.
O toro de Osborne naceu en 1956 como unha imaxe publicitaria deseñada por Manolo Prieto e co paso do tempo consolidouse como un símbolo integrado na paisaxe; en 1997, unha sentenza do Tribunal Supremo avalou a súa permanencia polo ‘interese estético ou cultural’ atribuído a estas siluetas.