O vento arrinca a cuberta da piscina municipal de Abegondo

A forza do vento levantou na tarde deste mércores, 11 de febreiro, a cuberta da piscina municipal de Abegondo, situada en San Marcos. A estrutura quedou inutilizada e acabou esnaquizada, con parte do material caendo sobre o camiño da parte traseira, sen que se rexistrasen danos persoais.
Tras o incidente, operarios municipais desprazáronse á zona para iniciar a retirada de todos os restos e asegurar o contorno.
O Concello lembra a necesidade de seguir as recomendacións oficiais e extremar as precaucións ante a alerta laranxa por vento que afecta ao noroeste da provincia da Coruña e que inclúe Abegondo. Segundo a información trasladada pola Xunta a través do 112, prevénse refachos que poden acadar os 100 quilómetros por hora desde media mañá, polo que se aconsella retirar ou asegurar obxectos susceptibles de caer e evitar zonas con risco (árbores, estruturas inestables ou obras).