O venres volve a música en directo ao Castelo de San Antón da Coruña
O verán musical coruñés dará comezo no Castelo de San Antón, o venres 21 de xuño, coa terceira edición dos Directos No Castelo. Logo do éxito nos anos pasados, onde se esgotaron todas as entradas, o Goberno de Inés Rey repetirá a fórmula de evento musical nun espazo tan especial coma o Castelo de San Antón, como xeito de dar a coñecer novos grupos da nosa cidade.
Serán seis os grupos usuarios dos Locais de Ensaio do Concello da Coruña que participarán nesta ocasión: O Conto de Sempre, Experimento Basement, Roda Door, Ardi Jazz, Hell´s Heaven e Nuclear Waste forman, por orde de actuación, o cartel do evento que, desta vez, será especialmente variado en canto a estilos, desde o jazz ao metal, pasando polo funk ou o indie.
Para acceder ao evento como público, só hai que descargar os convites que están á disposición de toda a cidadanía na seguinte páxina web. A capacidade do emprazamento estará limitada.
Os Locais de Ensaio, xestionados polo servizo de Mocidade do Concello da Coruña levan 14 anos traballando cos proxectos musicais da mocidade coruñesa, ofrecéndolles de balde un espazo totalmente equipado onde poder ensaiar, e facilitándolles os primeiros pasos para deselvolver a súa carreira, tanto con gravacións de maquetas no seu estudio, como cun departamento de imaxe que lles facilita sesións fotográficas, creación de logos, ou a edición de material audiovisual.