O venres chega a Arteixo a obra teatral 'A pousada da pantasma coxa'
O próximo venres 29 de novembro, o Auditorio do Centro Cultural e Cívico Manuel Murguía de Arteixo acollerá a obra teatral 'A pousada da pantasma coxa', unha comedia presentada pola Asociación Cultural Faíscas. O espectáculo, dirixido a maiores de 12 anos, terá unha duración de 75 minutos e comezará ás 20:30 horas.
Mariquiña e Teresiña, dúas camareiras de piso, son as protagonistas desta divertida trama. As dúas traballan nun pequeno hotel propiedade de dona Sabela, un lugar que loita por sobrevivir ás débedas. Ante a difícil situación, deciden promocionar o hotel como encantado pola pantasma coxa, que supostamente aparece polas noites, buscando atraer clientes curiosos.
As entradas son gratuítas, pero será necesario obter invitacións, dispoñibles a través da web eventosarteixo.com ou no despacho de billetes do CCC unha hora antes do comezo da función, ata completar a capacidade da sala.