O vehículo móbil da Policía Nacional chega a Ordes para facilitar a tramitación do DNI e pasaporte

O vehículo integral de documentación da Policía Nacional (VIDOC) prestou servizo por primeira vez en Ordes, permitindo á veciñanza renovar ou solicitar o Documento Nacional de Identidade (DNI) sen necesidade de desprazarse fóra do municipio.
Na súa primeira xornada de funcionamento, a unidade móbil atendeu a un total de 40 persoas. Como novidade, ademais do DNI tamén se puido tramitar o pasaporte, así como renovar os certificados dixitais do DNI grazas ao Punto de Actualización de Documentación (PAD). O Concello de Ordes foi pioneiro na provincia da Coruña ao contar con unha destas unidades fixas dende o pasado mes de marzo, situada na entrada principal da casa consistorial.
A partir do mes de xuño, o VIDOC desprazarase ata Ordes de forma regular: o primeiro e terceiro luns de cada mes, agás nos días festivos e durante os meses de xullo e agosto. O pagamento dos trámites realizarase no momento, en efectivo: 12 euros no caso do DNI e 30 euros para o pasaporte. É imprescindible presentar unha fotografía recente e, no caso de menores de idade, acudir acompañados do pai, nai ou titor/a e contar co DNI en vigor.
A Policía Nacional dispón de seis vehículos VIDOC para toda Galicia, dos cales tres están destinados á provincia da Coruña. Estes vehículos percorrerán un total de 27 concellos que non contan con comisaría propia, facilitando así o acceso a documentación oficial a milleiros de cidadáns.