O Vales Villamarín atenderá case medio milleiro de escolares no comedor municipal este curso

O colexio Vales Villamarín arrancou o curso coa posta en marcha do seu comedor municipal en dependencias adaptadas debido ás obras de mellora no centro. A alcaldesa, María Barral, visitou hoxe as instalacións provisionais para comprobar o funcionamento do servizo nestes primeiros días.
Segundo explicou, o comedor atenderá a 485 nenos e nenas —incluíndo programa de madrugadores e almorzos— cun orzamento próximo aos 400.000 euros. Do total, a Xunta achega 70.000 euros e o resto é financiado polo Concello (arredor de 200.000 euros) e polas familias usuarias. O servizo organízase en tres grandes espazos que permiten manter a atención ata que rematen os traballos no colexio.
A nova ordenanza incorpora un desconto do 30% para usuarios fixos pertencentes a familias de especial consideración: numerosas, monoparentais, con persoas maiores, dependentes ou con discapacidade ao seu cargo, acolledoras, en situación de especial vulnerabilidade económica ou vítimas de violencia de xénero. Ademais, establécense bonificacións por renda per cápita do 50%, 75% e ata o 100%, e recoñécese a gratuidade para menores de unidades familiares en exclusión social.
No plano económico, a cota mensual por alumno responde ao estudo de custos da licitación. O prezo adxudicado é de 95,60 euros/mes para asistencia todos os días, cunha redución a 71,70 euros nos meses de setembro, decembro, xaneiro, xuño e no mes de Semana Santa. Tamén se prevén modalidades de 4, 3, 2 ou 1 día por semana (catro días ao mes) e a opción de días soltos. O cálculo tivo en conta o encarecemento de materias primas e transporte, así como a suba salarial derivada do Salario Mínimo Interprofesional, que determinou o custo real do servizo.