O uso de Bicicoruña en A Coruña marca un récord no 2025 con máis de 1,7 millóns de viaxes

O servizo municipal Bicicoruña pechou 2025 co seu récord histórico de utilización. Ao longo do ano rexistráronse 1.728.835 usos, o que supón 385.382 máis ca no exercicio anterior e unha media de 4.742 desprazamentos diarios, segundo o balance presentado polo Concello.
A alcaldesa, Inés Rey, atribuíu o crecemento á aposta pola mobilidade sostible e ao proceso de mellora e ampliación da rede, defendendo que a cidade ‘pedalea’ cada vez máis e que a bicicleta se consolida como alternativa real ao coche, tamén nos desprazamentos cotiáns.
Os datos deixan tamén outro fito: outubro de 2025 converteuse no mes con máis usos da historia do sistema, con 203.285. O Concello comparou esta cifra coa evolución dos últimos anos e lembrou que, no ano 2019, Bicicoruña rexistrara 206.946 usos en todo o exercicio, o que amosa o salto no emprego do servizo tras os plans de expansión e renovación.
Na actualidade, a rede conta con 79 estacións, das que 78 están operativas. A única que permanece pechada é a da Intermodal, debido ás obras. En conxunto, o servizo dispón de 1.437 ancoraxes activas e unha frota de 650 bicicletas, das cales 410 contan con apoio ao pedaleo.
A distribución horaria do tráfico reflicte que Bicicoruña se afianza tamén como medio habitual para ir e volver do traballo, xa que os picos de uso coinciden coas franxas de entrada e saída da xornada laboral. Ademais, o Concello sinala que a expansión permitiu mellorar a conexión con barrios máis afastados do centro, como Xuxán, onde se incorporaron dúas estacións novas.
No plano ambiental, a administración local estima que o uso do servizo evitou a emisión de ata 914.479 quilos de CO2, ao favorecer desprazamentos non motorizados e contribuír tamén a reducir ruído e congestión de tráfico. A segunda fase de expansión completouse en 2025 cun investimento de 2,5 millóns de euros, nunha rede que pasou de 23 estacións en 2019 ás 79 actuais.