O tute regresa aos centros municipais con dúas novas edicións para maiores de 55 anos

As cartas volven ser protagonistas nos centros municipais de Arteixo. O Concello impulsa unha nova convocatoria dos seus campionatos de tute para maiores de 55 anos, cun dobre calendario que busca combinar competición e convivencia en tardes de xogo compartidas.
A iniciativa inclúe dúas citas: o XXV Campionato de Tute no Centro Interxeracional do Balneario e o IX Campionato de Tute no Centro Sociocultural de Meicende. En ambos casos, a preinscrición realizarase os días 2, 3 e 4 de marzo, con prazas limitadas a 16 parellas e 6 suplentes, segundo a orde de inscrición. A cota de participación será de 5 euros.
No campionato do Balneario, o torneo arrincará o martes 10 de marzo e os encontros disputaranse os martes de 16.00 a 19.00 h. Os pagamentos poderán facerse o xoves 5 e o venres 6 de marzo, de 10.00 a 13.00 h, no Centro de Maiores A Baiuca.
En Meicende, o inicio está previsto para o mércores 11 de marzo, con partidas os mércores de 16.00 a 19.00 h. Neste caso, a preinscrición tramitarase no propio Centro Sociocultural de Meicende e o pagamento efectuarase o venres 6 de marzo, de 09.30 a 12.00 h.
Dende a organización lembran que é preciso formalizar o pago antes de comezar o torneo e respectar as normas establecidas. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Centro de Maiores A Baiuca no 981 659 095.