O turismo industrial coruñés brilla na feira B Travel de Barcelona

ACoruñaXa
O patrimonio industrial da provincia presente no evento celebrado en Fira de Barcelona
dep
31 Mar 2025

O patrimonio industrial da provincia foi protagonista, un ano máis, no espazo da Deputación na feira B Travel, celebrada en Fira de Barcelona do 28 ao 30 de marzo. Nesta edición, o museo MEGA de Estrella Galicia e o proxecto de recuperación da Factoría Baleeira de Caneliñas, en Cee, encabezaron a programación do stand da Deputación, que incluía presentacións, degustacións e talleres de cata de cervexa.

A delegación provincial estivo encabezada polo vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada Soledad Agra, quen presentaron un "fam trip" polo territorio ante unha selección de operadores turísticos e axencias de viaxe de Cataluña.

"Na provincia da Coruña temos un gran potencial no tocante ao turismo industrial", afirmou Regueira. "Nesta ocasión presentamos dous proxectos destacados, un vinculado á industria cervexeira e outro ao patrimonio baleeiro de Cee, pero temos moitos máis exemplos: conserveiras, patrimonio militar, estaleiros...". O vicepresidente sinalou ademais que o turismo industrial actúa como "tractor" dun perfil de visitante que valora a identidade, a historia e o patrimonio da provincia, cun interese por comprender o pasado, o presente e o futuro industrial da Coruña. "Por iso, dende a Deputación apostamos pola súa promoción en foros coma este, onde podemos dar a coñecer os nosos produtos turísticos a un público moi interesado", engadiu.

A viaxe de familiarización desenvolvida na primeira xornada tivo unha excelente acollida entre os profesionais do sector turístico. Esta iniciativa permitiu destacar o potencial do turismo industrial coruñés ante potenciais vendedores do produto en Cataluña. O itinerario propuxo a exploración de seis xeodestinos, combinando tanto zonas costeiras como de interior, cidades e espazos rurais. Ademais, a proposta incluía elementos industriais, como visitas ao museo MEGA ou á ruta da Construción Naval, combinados cunha vertente gastronómica grazas á campaña "A Paisaxe que Sabe", que ofrece visitas a fábricas de queixo, adegas de viño e experiencias de artesanía.

Entre estas, destacáronse o Ecomuseo Forno do Forte, que preserva métodos tradicionais de produción, e localizacións protoindustriais como a Factoría Baleeira de Cee ou o Estaleiro de Outes.

Con este evento, a Deputación da Coruña pecha tres días de promoción na feira B Travel, onde destacou a provincia como "un destino turístico con gran diversidade de produtos e opcións, pero sobre todo atractivo pola súa autenticidade, os seus recursos naturais e patrimoniais, e a súa identidade, que debemos defender e preservar como o noso principal valor", concluíu Regueira.

 

⚙ Configurar cookies
0.081140041351318