O TSXG avala de momento a taxa turística da Coruña e rexeita paralizala de urxencia

ACoruñaXa
O alto tribunal entende que non hai prexuízo inmediato para os hoteis nin para o sector do cruceirismo e lembra que quen aboa o recargo son as persoas visitantes, non os establecementos
A CORUÑA vivendas
24 Oct 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu non suspender de maneira cautelar a taxa turística da Coruña. A solicitude partira de representantes do sector, entre eles a Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Corunna Cruise Terminal, que recorreron a ordenanza municipal e pedían parar o cobro mentres se resolvía o caso.

As patronais advertían de defectos na tramitación da ordenanza e de que o recargo podería danar a imaxe da cidade, encarecer a estancia e mesmo desviar tráficos de cruceiros cara a outros portos. A súa tese é que A Coruña non sofre saturación turística e que o turismo xa achega máis ingresos dos que custa ao propio concello.

A sala rexeitou estes argumentos para efectos cautelares. O TSXG sinala que os suxeitos obrigados a pagar son as persoas viaxeiras que pernoctan, non os hoteis nin as empresas do sector, polo que non ve un impacto económico directo e inmediato sobre os negocios. Engade, ademais, que este tipo de tributos xa funciona noutras cidades sen un dano reputacional acreditado e lembra que a contía do recargo é reducida.

O tribunal deixa claro que a súa resolución é provisional e refírese unicamente á suspensión urxente que pedira o sector. A legalidade de fondo da ordenanza fiscal coruñesa —en vigor dende o 29 de setembro— examinarase máis adiante no propio procedemento contencioso-administrativo, igual que ocorreu co caso de Santiago de Compostela, onde tamén se mantivo o cobro mentres se analiza a normativa.

⚙ Configurar cookies
0.084465980529785