O Trofeo Teresa Herrera de fútbol disputarase o 9 e 10 de agosto no estadio de Riazor
O histórico Trofeo Teresa Herrera disputarase na Coruña os vindeiros días 9 e 10 agosto. O Dépor comparte cartel con outros tres equipos que participan por primeira vez no torneo: Unionistas de Salamanca CF, un equipo de Primera RFEF moi querido polo deportivismo e que vén de completar unha gran tempada; o Real Oviedo, un histórico do fútbol español que este ano estivo a un paso de ascender a Primeira División; e o CD Leganés, campión de liga en Segunda División e, por conseguinte, ascendido á máxima categoría.
As semifinais disputaranse o venres 9 de agosto ás 18.00 horas e ás 20.30 horas.
A XII edición femenina do Trofeo Teresa Herrera a protagonizan o Dépor ABANCA e outro histórico do fútbol feminino nacional, o Athletic Club. As xogadoras deste último gañaron as edicións de 2017 e 2018 nas que se impuxeron pola mínima a As Nosas (1-0). A final será o sábado 10 de agosto ás 18.30 horas.
A xornada a completarán o partido polo terceiro e cuarto postos para os perdedores das semifinais masculinas (16:00 horas) e a final masculina entre os vencedores das 'semis' (21.00 horas). A final feminina será as 18.30 horas.
O Mini Teresa Herrera disputarase o sábado 10 de 10.30 a 11.30 horas.
O Dépor é o equipo que máis veces conquistou o Teresa Herrera masculino cun total de 25 trofeos nas vitrinas, por 9 do segundo clasificado, o Real Madrid CF.
En categoría feminina, o Dépor ABANCA posúe tres trofeos, ademais dun conquistado polo Deportivo ABANCA B na edición de 2020.
A organización do Teresa Herrera forma parte do acordo de colaboración entre o Concello e o club ao que ten chegado o Goberno local. O trofeo é xa unha das referencias do fútbol en España durante os meses de verán.