O transporte de viaxeiros da provincia de A Coruña ameaza con volver á folga indefinida o 11 de febreiro

As asembleas de persoal do transporte de persoas por estrada celebradas na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol decidiron retomar a folga indefinida o mércores 11 de febreiro se non se producen avances ‘significativos’ na negociación do convenio. A decisión chega despois do rexeitamento do preacordo alcanzado previamente entre a patronal e UGT e CCOO, que non conseguiu o aval maioritario das traballadoras e traballadores.
Segundo a CIG, nas xuntanzas participaron arredor de 500 persoas e constatouse unha ‘firme determinación’ para manter a mobilización se non se abre unha negociación ‘real’ que permita un convenio que mellore salarios e condicións sen recortar dereitos xa recoñecidos, ademais de incluír o colectivo de acompañantes.
A clave queda agora na reunión de mediación convocada para o luns 9, ás 13.00 horas, no Consello Galego de Relacións Laborais, á que están citadas as partes. A central nacionalista tamén anunciou unha concentración previa en Santiago, ás 11.00 horas na estación de autobuses (rúa Clara Campoamor).
O conflito xa provocara a suspensión temporal dunha folga anunciada a comezos de mes tras un preacordo que, segundo a UGT, incluía subas salariais e cambios na xornada, aínda que finalmente foi tombado pola base.
De reactivarse os paros, o impacto podería sentirse especialmente no transporte interurbano e escolar na provincia da Coruña, mentres patronal e sindicatos apuran as horas para evitar unha nova paralización do servizo.