O tramo entre Correos e o Teatro Rosalía de Castro será o único corte de tráfico durante as obras nos Cantóns

ACoruñaXa
Para resolver dúbidas, o Concello habilitou un mapa dixital accesible onde se poden consultar as incidencias de mobilidade
cantons-acorunha
27 Mar 2025

O Concello da Coruña informa que o único corte de tráfico previsto durante os 20 meses de obras de remodelación dos Cantóns terá lugar entre o 1 de abril e o 5 de maio. Este corte afectará ao tramo entre Correos e o Teatro Rosalía de Castro, e as afeccións ao tráfico serán mínimas, xa que a Mariña é unha zona de tráfico restrinxido. A actuación consistirá na substitución do asfalto actual por un firme de formigón, alineado coa nova estética da zona, e require un corte total de tráfico para garantir a disposición e o fraguado da lousa.

Durante unha reunión informativa celebrada no Palacio Municipal de María Pita, o concelleiro José Manuel Lage e a concelleira Noemí Díaz, acompañados de persoal técnico municipal e da dirección da obra, explicaron todos os detalles do proxecto ás asociacións veciñais, comerciais e hostaleiras. A concelleira Noemí Díaz subliñou que, agás este corte de tráfico que comeza o 1 de abril, non se prevé ningún outro corte total nas próximas semanas. Ademais, confirmou que, ao rematar as obras, non se producirán cambios no tráfico, polo que os vehículos seguirán podendo acceder ata a altura da Autoridade Portuaria, agás no primeiro tramo, onde se espera un tráfico residual debido ao peche de Entrexardíns.

A concelleira tamén detallou que se instalará un ascensor de acceso ao aparcamento subterráneo para mellorar a accesibilidade, un servizo que ata o momento non existía. En canto á carga e descarga para o comercio, destacou que esta poderá facerse con normalidade, xa que non se prevé ningún outro corte total de tráfico máis aló do que comeza o 1 de abril.

O proxecto de renovación parcial do firme na avenida da Mariña, que se desenvolverá en cinco semanas, obrigará a cortar a avenida ao tráfico rodado durante ese período. Para facilitar a mobilidade, as liñas de transporte urbano que normalmente circulan pola Mariña desviarase pola avenida do Porto, onde se situarán novas paradas provisionais. As liñas afectadas serán a 1, 1-A, 2, 2-A, 3, 5, 7, 17, 23 e 23-A, así como a liña 3-A en dirección á praza de Ourense. As paradas provisionais estarán situadas na avenida do Porto, á altura dos edificios da Terraza e o Palexco. As liñas que teñen cabeceira na parada do Hospital Abente y Lago serán trasladadas á parada do Castelo de San Antón, na antiga plataforma das Ánimas.

Para resolver as dúbidas da cidadanía, o Concello habilitou un mapa dixital accesible desde dispositivos móbiles onde se poden consultar as incidencias de mobilidade segundo avance o plan de traballos, así como as novas paradas provisionais. Este mapa está dispoñible na páxina web do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.1724591255188