O Trail Monte da Zapateira celebra a súa sétima edición este domingo 30 de novembro en Culleredo

O club Atletas Acea de Ama organiza este domingo 30 de novembro a VII edición do Trail Monte da Zapateira, unha cita deportiva de carácter popular e non competitivo que conta co respaldo do Concello de Culleredo. A proposta está dirixida a persoas que queiran iniciarse no trail running, cun percorrido de dificultade media/baixa a través da contorna natural do Monte da Zapateira.
Como é habitual, o evento celebrarase en memoria de Marcos González e Juan Manuel Tábara, dous membros moi apreciados dentro da entidade organizadora. Nesta edición haberá dúas modalidades: unha andaina de 9 quilómetros, que arrancará ás 10.30 horas, e un trail de 12 quilómetros, previsto para as 11.00 horas. Ambas as probas compartirán trazado e terán a súa saída no Pabillón Centro Social de Castro e Laxe.
A participación está aberta a todos os públicos. No caso dos menores, deberase presentar a autorización correspondente de pais ou titores. As inscricións realizaranse o mesmo día da actividade e serán completamente gratuítas.