O Touliña Pop regresa este sábado a Sada

ACoruñaXa
Distintas localizacións do casco urbano, dende a praia ata o porto, acollerán máis dunha decena de actuacións musicais
toulinha-pop-sada
15 May 2025

Este sábado 17 de maio Sada volverá latexar ao ritmo do Touliña Pop Festival, unha cita xa imprescindible para amantes da música con alma, guitarras afiadas e moito ritmo nos pés. Un festival de balde, na rúa, e repartido por todo o casco urbano, que promete converter o corazón da vila nun auténtico escenario aberto onde cada recuncho soa a festa.

A edición deste 2025 chega con nomes potentes e internacionais. Desde Valencia, ‘Wau y los Arrrghs!!!’ traen a súa descarga salvaxe de garage punk para poñer patas arriba o Paseo Marítimo. Desde Euskadi, ‘Lie Detectors’ achegan a súa enerxía contundente, mentres que ‘Deaf Devils’, tamén valencianos, completan unha tríade musical perfecta que poderemos gozar pola noite na carpa Touliñapop, situada na Praza Irmáns Suárez Picallo.

Con todo, a festa comeza a coller forza ó mediodía na zona do porto cunha sesión vermú que arrinca ás 13.30 horas co directo de ‘Thee Braindrops’, unha banda madrileña que mestura psicodelia e fuzz. Momento perfecto para desfrutar da hostalaría da zona e da boa gastronomía que ofrece a vila.

A tarde colle corpo ás 18.30 horas na rúa da Praia, cun prato forte que vén desde o Xapón: ‘Stompin’ Riffraffs’, mesturando surf, garage e rock and roll coa elegancia dun ciclón sonoro que non deixa indiferente. Ao longo do día, a música non para, xa que haberá pinchadiscos e sesións DJ ambientando distintas rúas e prazas: Na Rúa do Río, ‘Pizarrarapop’; na carpa Touliñapop, ‘Suzie Staysick & Phil Speto’; no edificio da Sociedade, tomarán o relevo ‘Reverendo Labratore’, ‘Angel Snap’, ‘Mr. Klin’ e ‘Juanito Wau’.

“O Touliña Pop non é só un festival: é unha celebración da música libre, da rúa como espazo de encontro, da cultura viva que se escoita e se baila. Un convite aberto a toda a veciñanza de Sada, da comarca e máis aló” remarcou Benito Portela.

⚙ Configurar cookies
0.15965414047241