O Temple estrea unidade de saúde bucodental para Cambre e Carral con atención de luns a venres

A Área Sanitaria da Coruña e Cee pon en marcha no Temple unha nova unidade de saúde bucodental que dará cobertura aos 31.484 usuarios adscritos aos centros de saúde de Cambre e Carral, dos cales 2.936 están en idade pediátrica. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e evitar desprazamentos ao centro do Ventorrillo para recibir atención odontolóxica.
O dispositivo funcionará de luns a venres, de 08.00 a 15.00, con un odontólogo e un técnico en hixiene bucodental. A incorporación deste equipo permitirá rebaixar a presión asistencial, optimizar os ratios por profesional e elevar a calidade da atención. A unidade dispón de infraestrutura e tecnoloxía de última xeración, cun investimento superior a 110.000 euros —arredor de 51.000 euros destinados a equipamento e instrumental.
Entre as prestacións destacan a atención a mulleres embarazadas, pacientes oncolóxicos e persoas con discapacidade, ademais do programa infantil con medidas preventivas e asistenciais como aplicación de flúor tópico, obturacións, diagnóstico de maloclusión e selado de fisuras. No primeiro semestre de 2025, a área sanitaria —con 18 odontólogos e 18 técnicos para máis de 555.700 habitantes— realizou 66.854 atencións, incluíndo 9.645 consultas pediátricas, 1.888 a embarazadas, 14.601 cirurxías, 1.239 obturacións, 3.647 selados, 1.365 tartrectomías e 1.362 consultas por outras prestacións.