O Telleiro abre o Entroido de Paderne 2026 cunha tarde de festa, música e disfraces

O Entroido de Paderne 2026 botou a andar coa súa primeira parada no Telleiro, onde a veciñanza gozou dunha tarde chea de actividade arredor do concurso de disfraces e dunha proposta pensada para público de todas as idades. A xornada incluíu obradoiros, pintacaras e inchables para a cativada, ademais dunha merenda para completar o ambiente festivo.
A música tamén tivo un papel destacado nesta estrea do Entroido, coa animación de MOI de Paderne e das Algharuxeiras, que acompañaron unha celebración na que os disfraces foron os grandes protagonistas. Tras a deliberación do xurado, déronse a coñecer as persoas premiadas nas distintas categorías.
Na categoría infantil, o primeiro premio foi para ‘A bolboreta bailarina’, seguido de ‘Excavadora’ e ‘Ecoinfantas de Paderne’. Na modalidade individual, a vitoria foi para ‘Motero aventurero’, co segundo posto para ‘Editorial Velouzás’ e o terceiro para ‘Mamá estresada’. Xa na categoría de grupos, o xurado recoñeceu con o primeiro premio a ‘Damas del reciclaje’, por diante de ‘Máis luces e menos frenos’ e ‘Ramona das Conexas paseando aos seus caniches’.
Dende a organización trasladaron os parabéns a todas as persoas participantes e destacaron o alto nivel das propostas, que deixaron o listón elevado para as seguintes citas do Entroido no municipio.