O Teatro Rosalía de Castro presenta o Ciclo Principal de Outono 2025 con grandes nomes

ACoruñaXa
A pasada temporada de primavera acadou un récord histórico de abonos con 624 persoas
ciclo-pal-corunha
7 Jul 2025

O Teatro Rosalía de Castro acolleu a presentación do Ciclo Principal de Outono 2025, que ofrecerá once propostas escénicas entre os meses de setembro e decembro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo director do teatro, Paulo Rodríguez, foi o encargado de dar a coñecer os detalles desta programación que organiza o Concello da Coruña co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

“O Goberno de Inés Rey sabe do potencial do Teatro Rosalía de Castro, un recinto referente a nivel nacional que seguirá acollendo as mellores representacións teatrais galegas e estatais, afianzando A Coruña como o gran referente cultural que é”, asegurou Castro durante a presentación. O edil destacou tamén o éxito da pasada temporada de primavera, na que o teatro público municipal acadou un récord histórico de abonos, con 624 persoas.

Nesta edición de outono, o ciclo arrincará os días 12 e 13 de setembro coa obra Camino a la Meca, protagonizada por Lola Herrera. Entre as montaxes máis destacadas atópanse tamén Go Home, con Josito Porto (26 e 27 de setembro), e Matres, prevista para o 10 de outubro, que vén de obter o Premio á Mellor Autoría nos Feten 2025.

Un dos espectáculos máis singulares será El Enterrador, no que o público poderá subir ao escenario para vivir a representación desde unha nova perspectiva. A cita será o 18 de outubro, en dobre función. Ademais, a programación inclúe a adaptación teatral de Los lunes al sol, que se representará o 12 e 13 de decembro, e pecharase o 27 de decembro cunha obra con acento coruñés: Crisálida, de Juan Rodríguez e Laura Sarasola, centrada na memoria colectiva da cidade.

O proceso de renovación de abonos estará aberto entre o 15 de xullo e o 29 de agosto, no despacho de billetes da praza de Ourense. As persoas abonadas conservarán a súa localidade e tipo de abono, e poderán solicitar cambios dentro do período establecido, optando só por butacas non ocupadas.

O prezo dos abonos oscila entre os 51,75 e os 117,75 euros, segundo a zona elixida, e inclúe oito funcións dobres, así como un desconto do 25 % para a compra anticipada de entradas soltas das obras Matres, El Enterrador e Crisálida.

O día 1 de setembro abrirase a venda de localidades liberadas, mentres que os días 2 e 3 estará dispoñible a venda para novas persoas abonadas. As entradas individuais sairán á venda o 5 de setembro, ás 11.00 horas.

Todas as funcións comezarán ás 20.30 horas, agás El Enterrador, que terá dúas sesións: unha ás 18.30 e outra ás 20.30.

Programación completa do Ciclo Principal de Outono 2025:

12 e 13 setembro: Camino a la Meca – Dir. Claudio Tolcachir (Pentación Espectáculos)
26 e 27 setembro: Go Home – Dir. Tito Asorey (Etiqueta Negra)
3 e 4 outubro: Iconos o la exploración del destino – Rafael Álvarez “El Brujo”
10 outubro: Matres – Cia Campi Qui Pugui
18 outubro: El Enterrador – Dir. Gerard Vázquez (Teatros de Dos / Mediterránea)
7 e 8 novembro: María Callas, Sfogato – Dir. Alberto Frías (ATG Entertainment)
14 e 15 novembro: Dysphoria – Dir. María Goiricelaya (Histrión Teatro)
28 e 29 novembro: Yo sólo quiero irme a Francia – Dir. Elisabeth Larena
12 e 13 decembro: Los lunes al sol – Dir. Javier Hernández-Simón
18 e 19 decembro: Hoy no estrenamos – L’Om Imprebis
27 decembro: Crisálida – Dir. Olga Margallo (Caramuxo Teatro)

⚙ Configurar cookies
0.16579508781433