O Teatro Rosalía de Castro celebra o Día da Muller cunha dobre función de ‘Nevenka’

ACoruñaXa
A obra de teatro 'Nevenka' afonda no caso de Nevenka Fernández, que en 2001 se converteu na primeira muller en gañar un xuízo por acoso sexual contra un político en España
Imaxe da obra teatral 'Nevenka' que estará na Coruña o 8 e 9 de marzo
6 Mar 2024

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña ofrecerá os vindeiros venres 8 e sábado 9 de marzo dúas funcións da obra teatral 'Nevenka', da compañía Histrión Teatro en coprodución con Portal 71. A obra teatral está dirixida por María Goiricelaya e protagonizada por Gema Matarraz, Ales Furundarena e Marta Megías.

Este espectáculo enmárcase dentro das actividades previstas polo Concello da Coruña polo Día da Muller arredor do 8-M, que este ano leva por nome 'Imparables'. A obra afonda no caso de Nevenka Fernández, que en 2001 se converteu na primeira muller en gañar un xuízo por acoso sexual contra un político en España. A causa sentou por primeira vez a un alcalde no banco dos acusados, converténdose no primeiro caso de #MeToo do país.

As dúas funcións forman parte tamén da programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro, co que o Goberno de Inés Rey segue promovendo para a cidadanía representación teatrais de calidade nun dos espazos culturais mellor valorados de Galicia.

O horario de ambas as funcións será as 20.30 horas e a duración da obra é de 80 minutos. As entradas xa están á venda por un prezo de entre 8,50 e 18 euros, máis gastos de xestión. Pódense adquirir nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro e do quiosco da praza de Ourense ou a través de Ataquilla.

0.17037415504456