O teatro Rosalía de Castro acollerá o pleno extraordinario da RAG polo Día das Letras Galegas

ACoruñaXa
A sesión pública, de entrada libre contará con tres intervencións sobre Luisa Villalta, autora á que a institución lle dedica o 17 de maio a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal
Imaxe do arquivo familiar de Luisa Villalta
17 Apr 2024

A Real Academia Galega celebrará de o 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que lle dedica este ano á escritora Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004).

A sesión será pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, terá lugar no Teatro Rosalía da cidade onde naceu e viviu, a Cidade Alta que tanta pegada deixou na súa obra poética ou noutros títulos como a novela Teoría de xogos (1997). As alocucións sobre a vida e a obra da homenaxeada correrán a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal.

A institución ampliará na súa páxina web, nestas semanas previas ao 17 de maio, os contidos divulgativos sobre Luísa Villalta con novas e entrevistas relacionadas coas iniciativas que xorden arredor da celebración da gran festa da cultura galega. Na sección das Letras Galegas 2024 de academia.gal pode verse xa a serie documental web Luísa Villalta: a rebelión da palabra (unha produción da RAG dirixida por Damián Varela Pastrana e realizada co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades); acceder á biografía sobre a autora asinada por Ana Romaní ou descargar as Palabras de Luísa Villalta, con citas das súas obras que a institución está a difundir a través das redes sociais.

Ademais, para o público máis novo, a RAG ofrece primaveradasletras.gal, onde pode descargarse o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores desta historia na que achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina web, voordinada pola académica Fina Casalderrey e apoiada pola Deputación da Coruña, atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Luísa Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese.

O Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego da RAG e a Fundación Barrié, ofrece tamén unha sección específica con contidos arredor de Luísa Villalta.

Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.

0.16520404815674