O teatro Rosalía de Castro acolle este xoves os Premios María Casares

ACoruñaXa
Na gala terán gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal: os piratas e as sereas
Imaxe da presentación dos Premios María Casares na Coruña
19 Mar 2024

O Teatro Rosalía de Castro acollerá os  XXVIII Premios de Teatro María Casares este xoves, 21 de marzo, a partir das 20.30 horas. A gala de entrega será un homenaxe ao teatro musical con “mar de fondo” no que os elementos marítimos serán unha constante sobre o escenario.

Así o adiantou esta mañá a actriz Sara Fandiño, directora artística da gala, nunha rolda de prensa celebrada en María Pita e que estivo presidida por Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade. O edil destacou o labor do Goberno de Inés Rey para que A Coruña siga sendo “a cidade da cultura de Galicia”. “O traballo levado a cabo nos últimos anos reflíctese na valoración moi positiva que se fai da nosa programación e dos nosos espazos, como o Teatro Rosalía de Castro”, indicou Castro. Por outra banda, quixo poñer tamén en valor a calidade dos espectáculos programados durante o ano neste teatro e no resto que compoñen a rede municipal.

Na gala terán gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal: os piratas e as sereas. Ao longo da gala se renderá homenaxe ao teatro musical ao introducir referencias universais e ben recoñecibles deste xénero. Ademais, os soños e os mundos oníricos terán tamén gran relevancia.

A directora conta cun elenco conformado por artistas que destacan por combinar mocidade e experiencia, xa que son intérpretes que teñen un longo percorrido nos musicais. Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado conforman o reparto. Fandiño asina tanto a música como a letra dos temas que soarán durante a gala e conta coa colaboración de Alexandro González para a orquestración e mais os arranxos. O espazo escénico corre a cargo de José Expósito Ortiz.

Este ano os Premios rexistraron a maior inscrición dos seus 28 anos de historia. Presentáronse un total de 47 espectáculos, dos cales 19 aspiran a levar este xoves algún dos 16 galardóns nos que se dividen os Maria Casares.

Os premios contan con 19 espectáculos finalistas

O espectáculo 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, aspira a nove María Casares (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que 'Hamelin', de Redrum Teatro, compite por seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego aspiran a cinco María Casares: 'Shakespeare en Roma' (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación- tradución) e 'Un hotel de primeira sobre o río' (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). 'O Auto do Castromil', de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén compite por cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario, espazo sonoro)

'Entrega en mar', de Contraproducións, opta a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas 'Crisálida', de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); 'Vox populi', de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e 'Deadpan Karaoke' (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: 'Códice K', de Ainé; 'A nai', de Amorodio Teatro, e 'Mosca', de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: 'A teteira de Kabul', de Xarope Tulú; 'Coliño', de A Xanela do Maxín, e 'Nanai da China', de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, 'Ándale! Bon apêttit!', de Teatro Ghazafelhos, e 'Backstage', de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que 'Frida', de A Cova das Letras, e 'Insubmisa', de Antagonista Teatro agardan levar o premio á mellor dirección de movemento. Durante a gala entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala e Vero Rilo lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

0.18266320228577