O Teatro Rosalía acolle a X Xornada de Literatura Dramática e o VIII Festival 'Pezas dun Teatro do Porvir 2025'

O Teatro Rosalía de Castro acollerá este domingo a X Xornada da Sección de Literatura Dramática e o VIII Festival 'Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal', unha cita única en Galicia que promove a creación escénica en proceso e o diálogo entre dramaturxas e dramaturgos dos dous lados do Miño. A actividade organiza a AELG coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. A entrada é libre ata completar capacidade.
O programa articúlase en dúas quendas de 'procesos abertos de escrita dramática'. Pola mañá, tras a apertura ás 10.00, presentaranse 'As Maçãs que Eram Pêssegos' de Filipe Amorim ás 10.30; 'Rocky e a man máxica de protección' de Fernando Tato ás 11.15; e 'Alicia Wants To' de Bengala Teatro ás 12.00. Ás 12.45 terá lugar a aula maxistral 'Dramaturxias que urxen', impartida por Fefa Noia. Pola tarde, a partir das 16.30, será a quenda de Daniel Pereira e Rodrigo da Cunha con 'Boneca'; ás 17.15 presentarase 'Não é assim tão alto como dizem' de Tiago Alves Costa; ás 18.00, Uxía Algarra ofrecerá 'Gracias por su visita'; e ás 18.45 pechará Diana Sieira con 'A voz interior'.
Nesta oitava edición participarán sete proxectos (catro galegos e tres portugueses). Despois das mostras, a comisión organizadora da AELG, xunto con Xosé Paulo Rodríguez (director do Rosalía) e Célia Guido Mendes (CCP-Camões Vigo), e co voto dos propios participantes, decidirán o IV Premio do Festival, que outorga a posibilidade de estrear a peza gañadora. O premio podería quedar deserto se así o estima o xurado. Máis información no sitio web da AELG.