O teatro de Mera acolle este sábado a obra 'Hamelin'
O vindeiro sábado 23 de marzo a compañía Redrum Teatro presenta no Auditorio Gabriel García Márquez ás 20.30 horas a obra Hamelin de Juan Mayorga baixo a dirrección de Alex Sampayo e dirixida a un público adulto.
A versión áspera do conto é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos. No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan. Pagan os vicios dos maiores, as mentiras dos maiores. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer os seus nenos é como moitas cidades do noso mundo. Mayorga trata o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios.
A versión de Juan Mayorga aborda o asunto dunha maneira moi sutil, os silencios dos personaxes encerran grandes verdades, evita unha linguaxe ordinaria e opta por un público activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena.
O texto foi galardoado co Premio Max en 2006, e supuxo a consagración definitiva do seu autor Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras neste ano 2022.
O elenco está formado por Machi Salgado, Mónica García, Fran Lareu, Belén Constenla, Roberto Leal, Guillermo Carbajo, Rubén Porto. A duración do espectáculo será de 90 minutos e as entradas terán un custo de 4 euros.