O Teatro Colón vibrará co talento de Chucho Valdés este 16 de xuño

O lexendario pianista cubano Chucho Valdés chegará á Coruña o vindeiro 16 de xuño para ofrecer un concerto no Teatro Colón que promete ser unha cita inesquecible para os amantes do jazz e da música afrocubana. A actuación será en formato cuarteto, acompañado de músicos de primeira liña no que se coñece como o Chucho Valdés Royal Quartet.
Este recital insírese na aposta do Concello por traer á cidade figuras de prestixio internacional, tal e como sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou que “o talento de artistas como Chucho Valdés permítenos seguir convertendo os nosos espazos culturais en escenarios de referencia global”.
O público poderá desfrutar en directo dos temas do seu último traballo, Cuba & Beyond (InnerJazz, 2024), unha obra que xa soou con forza nos circuítos musicais internacionais e está nomeada aos Grammy 2025. No repertorio soarán pezas como Tatomania, Mozart á cubana ou Armando’s Rhumba, esta última dedicada ao seu amigo e colega Chick Corea.
O cuarteto complétase con músicos de traxectoria consolidada: José A. Gola ao contrabaixo e baixo eléctrico, Roberto Jr. Vizcaíno Torre nas percusións, e Horacio Hernández ‘El Negro’ á batería.
Con máis de seis décadas de carreira, Chucho Valdés é unha auténtica institución viva da música. Fundador do mítico grupo Irakere, mestre na fusión de sons ancestrais co jazz contemporáneo, e recoñecido en múltiples ocasións con premios internacionais —entre eles, o Grammy e o Grammy Latino—, Valdés foi recentemente distinguido co NEA Jazz Masters 2025, o maior recoñecemento para un músico de jazz nos Estados Unidos.