O Teatro Colón será o escenario da IV Gala dos Premios do Deporte Deputación da Coruña o 20 de marzo

ACoruñaXa
O prazo para presentar candidaturas remata este venres e a convocatoria está aberta a deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades da provincia
DEPU IV premios deporte
27 Jan 2026

O Teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro 20 de marzo a IV Gala dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, un acto co que o organismo provincial volverá recoñecer o traballo e os valores vencellados ao deporte en toda a provincia. O deputado de Deportes, Antonio Leira, presentou a cita este martes en rolda de prensa e puxo en valor que se trata dunha convocatoria xa asentada no calendario anual.

Leira explicou que estes galardóns buscan visibilizar o esforzo e a dedicación tanto no ámbito profesional como no deporte base, inclusivo e afeccionado. Lembrou tamén que en edicións anteriores foron distinguidas figuras e proxectos de referencia, como a atleta Ana Peleteiro, o xogador de hóckey a patíns César Carballeira, e entidades como o RC Deportivo, o Basket Coruña ou o Baxi Ferrol.

O prazo para presentar candidaturas continúa aberto ata este venres. Poden participar deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades que contribúan á promoción do deporte na provincia da Coruña. As solicitudes deberán tramitarse por vía telemática a través da sede electrónica da Deputación, seguindo o procedemento recollido nas bases.

A selección das persoas e entidades premiadas recaerá nun xurado integrado por profesionais de recoñecido prestixio do xornalismo deportivo, co obxectivo de garantir un proceso profesional e transparente. A IV Gala porá o broche ao proceso correspondente ao ano 2025 e servirá, segundo indicou Leira, para recoñecer tanto as grandes figuras como o labor constante e menos visible que fai posible que o deporte chegue a todos os concellos da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.089537143707275