O Teatro Colón da Coruña acollerá a III Edición dos Premios do Deporte da Deputación

ACoruñaXa
A cita contará coa presenza de figuras do deporte galego e representantes de centos de clubs da provincia
Imaxe do Teatro Colón da Coruña
12 Mar 2025

O Teatro Colón da Coruña será o escenario este venres, 14 de marzo, a partir das 20.00 horas, da III edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, unha gala que recoñecerá a actividade e traxectoria dos deportistas, equipos e entidades deportivas máis destacadas da provincia.

A cita, presidida polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, contará coa presenza de figuras do deporte galego e representantes de centos de clubs das diversas disciplinas que se practican na provincia.

O xornalista Terio Carrera será o encargado de conducir o evento, que contará tamén con actuacións musicais, humor e outras sorpresas, nunha noite onde se renderá homenaxe a grandes figuras do deporte galego. A entrada ao Teatro Colón será libre e gratuíta ata completar o aforo.

Os galardóns, que se entregarán durante a gala, inclúen quince categorías oficiais, entre as que se atopan: Mellor deportista masculino e feminino, Mellor deportista veterano, Mellor deportista promesa, Mellor deportista con diversidade funcional, Mellor adestrador/a, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora, Mellor evento deportivo, Mellor entidade na promoción do deporte base e inclusivo, e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Ademais destas categorías oficiais, o xurado poderá outorgar mencións especiais a persoas ou entidades destacadas no deporte coruñés durante o ano pasado. O xurado da edición de 2025 estará presidido polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e estará composto por xornalistas e profesionais de recoñecido prestixio no eido deportivo.

A III Edición dos Premios do Deporte da Deputación promete ser un evento de gran calado para o deporte da provincia e un recoñecemento ás persoas e entidades que traballan polo fomento e promoción do deporte na Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.1638548374176