O Teatro Colón da Coruña acolle mañá a gala das Letras Galegas da Deputación
O Teatro Colón convertirase mañá no escenario de celebración da gala das Letras Galegas organizada pola área de lingua da Deputación: unha cita que forma parte da súa campaña para homenaxear a Luísa Villalta, e que conta cunha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán durante todo o ano como contadas infantís nas que se repartirá a novela de Villalta ‘Tinta do mar’, obradoiros en centros de ensino, a realización dun vídeo e a distribución dun libro sobre a vida e obra da autora.
O evento comezará ás 19.30 horas, e a entrada é libre e gratuíta até completar aforo. Estará conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, que farán o seu particular homenaxe a Villalta, e toma como punto de partida o prólogo de A música reservada, o primeiro poemario publicado pola autora. A partir de aí, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora.
Actuacións inspiradas no prólogo de 'A música reservada'
A compositora Janet Novás realizará unha performance; a compositora Mercedes Peón e a intérprete Elena Vázquez Ledo, un espectáculo conxunto, do mesmo xeito que o compositor Hugo Gómez-Chao e a soprano solista Adriana Aranda. Eva Vieites tamén subirá ao escenario para facer unha performance nunha xornada que tamén contará coas actuacións do cuarteto de arpas célticas Lulavai e da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.
O encargado do deseño da imaxe da gala é o artista plástico Xurxo Gómez – Chao e, o da iluminación, Dani Pais. Ambos elementos cobran unha especial relevancia nun acto que celebra a arte nas súas diferentes disciplinas, do mesmo xeito que o facía a homenaxeada deste ano nas Letras Galegas, Luísa Villalta: poeta, ensaísta “e unha muller que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra... unha artista moi completa para a que quixemos tamén facer unha programación moi completa” apuntou a deputada de lingua, Soledad Agra.