O Teatro Colón converte hoxe o deporte coruñés no gran protagonista

ACoruñaXa
A IV Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña celébrase este venres 20 de marzo ás 20.00 horas e reunirá na cidade a deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades de toda a provincia
DEPU IV premios deporte
20 Mar 2026

O Teatro Colón da Coruña acolle hoxe, 20 de marzo, a IV Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, unha cita xa consolidada no calendario deportivo provincial e chamada a converterse, un ano máis, no gran escaparate do talento e do traballo que sosteñen o deporte nos 93 concellos da provincia. O acto estará presidido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e servirá para desvelar os nomes das persoas e entidades premiadas nesta edición.

A gala chega como peche ao proceso de selección das candidaturas correspondentes a 2025 e volverá poñer o foco non só nos grandes éxitos competitivos, senón tamén no esforzo, a dedicación e os valores que acompañan a práctica deportiva. A Deputación mantén así unha aposta por recoñecer tanto as figuras máis destacadas como ese labor constante que desenvolven clubs, persoal técnico, arbitral e entidades colaboradoras ao longo de todo o ano.

Nesta cuarta edición entregaranse premios en quince categorías, cun abano que permite dar visibilidade á pluralidade do deporte coruñés, desde o alto nivel ata o deporte base, inclusivo e afeccionado. Ao longo dos últimos anos, estes galardóns distinguiron nomes e proxectos de referencia como Ana Peleteiro, César Carballeira, o RC Deportivo, o Básquet Coruña ou o Baxi Ferrol, o que reforza o peso simbólico dunha gala que tamén busca reivindicar o deporte como ferramenta de cohesión social, hábitos saudables e igualdade de oportunidades. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

0.11915493011475