O Teatro Colón acollerá o concerto SonFuturo coa canteira da Orquestra Sinfónica de Galicia

ACoruñaXa
O concerto contará coa participación do Coro Infantil, o Coro Novo e a Orquestra Infantil da OSG
primavera-son-futuro
8 Apr 2025

A mocidade e a infancia que forman parte da canteira da Orquestra Sinfónica de Galicia subirán este venres, 11 de abril, ao escenario do Teatro Colón nun concerto moi especial titulado SonFuturo. Trátase do recital de primavera das agrupacións máis novas da OSG, unha cita que pretende dar visibilidade ao talento emerxente da formación e que se enmarca no programa educativo da propia Sinfónica.

“O noso compromiso coa Orquestra Sinfónica é total e esta será unha gran oportunidade para que a cidadanía coñeza de primeira man o talento de futuro que hai na formación”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen puxo en valor que o evento se celebre nun dos principais espazos culturais municipais da cidade.

O concerto comezará ás 19.00 horas e contará coa participación do Coro Infantil, o Coro Novo e a Orquestra Infantil da OSG. As agrupacións estarán dirixidas por Sofía Rodríguez (Coro Infantil), Isabel Romero (pianista), Enrique Iglesias Precedo (grupo Pizzicato da Orquestra Infantil), Daniel García Artés (Coro Novo) e Jorge Montes (grupo Arcos da Orquestra Infantil).

As entradas xa están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla e tamén no despacho de billetes da praza de Ourense. O prezo é de 7 euros para o público xeral e de 3 euros para menores de 18 anos. SonFuturo promete ser unha mostra ilusionante do traballo formativo da OSG e unha oportunidade única para gozar do presente e do futuro da música sinfónica na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.16891288757324